No último partido do ano o Club Deportivo Lugo suma un novo punto e encadea oito partidos consecutivos sen perder. O Lugo saltaba ao campo co triplete Pita-David-Campillo, e buscaba con asiduidade a chegada polo carril exterior. O primeiro aviso dábao o Bilbao Athletic cun remate de Unai Bilbao que paraba sen problemas José Juan. Pouco a pouco os de Milla colleron as rendas do partido e conseguían adiantarse no marcador cun gol de David López.
O Bilbao Athletic mostrábase cada vez máis perigoso nos espazos da defensa e seguía buscando o gol do empate, que conseguía antes do final da primeira parte, nunha xogada rápida pola banda esquerda que remataba Lekue cun gran disparo.
A segunda metade comezaba moi igualada e disputada, e ambos conxuntos buscaban sen descanso o gol. Os locais rápidos nas accións de contragolpe e o Lugo sumaba perigo na segunda liña. Pero ningún dos dous equipos lograba impoñerse nos metros finais. Así concluía o encontro e o período futbolístico 2015, que os de Milla cerraban con boas sensacións e sumando un novo punto.