Membros do colectivo Masa Crítica presentaron hoxe, ante os medios de comunicación, a iniciativa que presentarán diante do pleno do Concello de Lugo. Na proposición, que foi rexistrada polo BNG – Asembleas Abertas, reclámase que se converta, entre outras demandas, que na cidade se declare “Zona 30”, isto é poñer o límite de velocidade en 30 km/h en toda a zona urbana salvo xustificadas excepcións.
A representante de Masa Crítica, Marixa Riera, anunciou cales ían ser as demandas que van trasladar ao pleno do concello de Lugo “co fin de obter o apoio de todas as forzas políticas que teñen representación na corporación” . Ademais de converter a cidade en “Zona 30”, solicitarán crear un carril-bici transversal que una Garabolos co Campus, a través da Avenida de Madrid, Ramón Ferreiro e Avenida da Coruña “trátase dunha aposta por converter esta última en sentido único de saída dende a ronda da Muralla ata o Parque da Milagrosa” e outro que una a Avenida Infanta Elena co Ceao e a rúa Paradai.
Unha das apostas do colectivo é “a creación de aparcadoiros de bicicletas, cubertos e vixiados nos diferentes barrios de Lugo ademais da recuperación do servizo de préstamo de bicicletas”. A representante de Masa Critica indicou que se solicitará a inclusión de Lugo na Rede de Cidades pola Bicicleta.
Rubén Arroxo explicou a razón pola que foi o BNG – Asembleas Abertas a forza política que presentou a proposta xa que “a proposición ten que ser rexistrada a través dalgún dos partidos con representación na corporación” e sinalou que “o BNG – Asembleas Abertas é, unicamente, unha ferramenta para facilitar que os movementos sociais poidan presentar iniciativas no concello”.