O comité de Alcoa convoca unha nova mobilización

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao vén de anunciar a convocatoria dunha nova mobilización. Así o dixo o seu presidente, José Antonio Zan, quen explicou que a manifestación esta vez terá forma de marcha nocturna. Será o vindeiro sábado 6 de novembro no municipio de Xove.

E é que os traballadores da compañía de Cervo seguen en pé de guerra alentados, en parte tamén, polo gran éxito das anteriores convocatorias, en especial desta última, celebrada o pasado domingo e que xuntou preto de 1000 vehículos.

Como é habitual, Zan aposta por convidar a “todo o que quera sumarse” a esta “marcha nocturna” que transcorrerá “dende o campo de fútbol e ata o Concello”.

Como petición para os veciños da localidade, Zan solicita que, en apoio dos traballadores de Alcoa San Cibrao, a veciñanza apague as luces “e que os da rúa principal e a rúa que dá ao Concello prendan cirios ou velas nas fiestras para que se visualice que está todo ás escuras e se vexan as luces dos traballadores cando cheguen”. Así explicaba Zan que avanzaba, asemade, que “vai ser unha protesta moi vistosa”.

Doutra banda, Zan volveu facer un chamamento ao Ministerio de Industria e é que, segundo explica o presidente do comité, dende que o Tribunal Supremo tombou o ERE que plantexaba a compañía, o Goberno “non deu signos de vida, e levan así máis dun mes”.  “Non temos un papel escrito por parte do Ministerio”, lamenta Zan quen afeou ao Goberno que dean “moi boas palabras e ningún bon feito”.

E máis cando, en palabras de Zan, “hai ofertas” de empresas que queren mercar a planta de San Cibrao e, insistiu “o problema radica na SEPI”. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao ratificou que hai “catro empresas solventes” que “queren facer esa operación”. Empresas que, segundo Zan, “estarían encantadas” se o Goberno participa “cun tanto por cento do accionariado” e que queren que “se lles garanta un marco enerxético e unha continuidade de futuro”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com