O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, lamentou que “o concelleiro de Ciudadanos non sexa capaz de asumir as replicas que lle realizan ás súas manifestacións, dedicándose a falsear continuamente a realidade no referente ás inversións que acomete o Concello nos colexios públicos da cidade”.
“Nos centros escolares faise o mantemento que lle corresponde á entidade local e en materia de posta a punto de calefacción, extintores ou ascensores”, tal e como sinalou Manuel Núñez, quen dixo que “a maiores, o Concello realiza as obras de mantemento que solicitan os equipos directivos dos centros”. Estes traballos realízanse nos períodos nos que non haxa distorsión ao labor docente, como se fai coas obras de verán e as obras do plan Mellora Lugo, que se fan polas tardes.
O Concelleiro de Educación explicou que “é falso o que manifesta Jesús Expósito cando di que en dous anos o Concello non realizou inversións no Colexio Illa Verde, xa que concretamente no último ano reparouse a canalización e o saneamento das aulas de infantil”. “Ademais, arranxouse a zona de xogos infantís deste centro coa retirada, limpeza e reposición das lousetas de seguridade de ditos xogos. Tamén se arranxou a zona de area de dito espazo”.
Estas actuacións completáronse con “outros traballos menores propios do mantemento e doutros que non lle corresponden ao Concello, como foi a instalación dunha tela-rede para evitar que saian obxectos para fóra do recinto ou a instalación dunha campaña extractora”.
“En todo caso e no referente ao asunto da pintura, as únicas solicitude que lle realizaron deste este colexio ao Concello e que se executarán en breve dentro do plan Mellora Lugo foron o pintado do corredor da zona de administración e a aula de sexto B”, rematou Manuel Núñez.