Ás dez da mañá abría hoxe as súas portas o Cuartel de San Fernando, dentro da xornada organizada polo Concello de Lugo para amosar á veciñanza o estado de conservación no que se atopa este edificio.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, eran os encargados de recibir ás primeiras visitas nas que ademais dunha ampla representación do tecido social e institucional do municipio participaron numerosos cidadáns interesados en descubrir cal é a situación actual da construción.
“A resposta social a esta convocatoria demostra que é unha preocupación unánime o sentir da poboación lucense polo futuro deste inmoble como tamén o é a demanda para recuperar o proxecto, paralizado en 2013, para convertelo no gran Museo da Romanización do noroeste peninsular. Un singular continente para o que gardamos un extenso e valioso contido que estamos desexando poñer en valor para salientar, unha vez máis, a magnitude e importancia do noso patrimonio e da nosa historia, máis viva ca nunca”, subliñou a rexedora quen aproveitou para achegar o seu “agradecemento a tódolos colectivos e persoas que a título individual están a apoiar esta reivindicación”.
Lara Méndez agarda que, ante a execelente reacción da cidadanía á iniciativa do goberno local, a Xunta de Galicia recapacite e retome o máis axiña posible a intervención xa comprometida hai máis dun lustro para reformar o Cuartel, sobre o que, en breve, se actuará de novo co fin de atallar os últimos danos detectados froito da falta de uso.
A xornada de portas abertas desenvolverase durante todo o día, ata as seis da tarde con visitas guiadas cada media hora nas que os técnicos de Evislusa explicarán o contexto histórico e arquitectónico da edificación, a súa relevancia a nivel estatal así como outros detalles como as catas arqueolóxicas quen se desenvolveron no seu interior ou o devir urbanístico que sufriu ata a o día de hoxe.