A feira de artesanía e gastronomía Gastroarte, que o Concello de Lugo pon en marcha ao longo do San Froilán múdase nesta terceira edición á rúa Puro Cora. Así o deu a coñecer a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, ao tempo que anunciaba que o Concello abre o prazo de presentación de solicitudes para participar neste certame de artesanía e gastronomía ao longo dos vindeiros 4 anos. Todos os interesados poden presentar xa as súas solicitudes de participación, tal e como se indica hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O prazo será de 30 días hábiles e deberán entregarse no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 09:00 a 14:00 horas, ou por enderezo postal.
Gastroarte, que contará con 32 postos cunha dimensión de 3x2x2,90 metros, celebrarase entre os días 30 e 12 de outubro. Para este ano, a montaxe realizarase o día 29 de setembro dende as 10:00 horas ata as 22:00 horas.O día de desmontaxe será o 13 de outubro, dende as 09:00 ás 16:00 horas.
A documentación presentarase en dous sobres pechados: un coa documentación administrativa (A) e outro coa oferta técnica (B). Dentro do primeiro sobre incluirase a solicitude conforme o modelo debidamente cumprimentada, que se poderá descargar na web www.lugo.gal, no apartado de Perfil do Contratante. Dita solicitude deberá ir acompañada pola declaración responsable conforme o modelo de que o licitador se atopa ao corrente coas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, co Concello de Lugo e coa Seguridade Social, así como dunha fotocopia do DNI, a presentación da alta no epígrafe correspondente do IAE e o seguro de responsabilidade civil en vigor.
Dentro do sobre B incluirase a documentación que acredite os seguintes criterios de valoración: calidade e características dos produtos presentados, memoria de deseño e de dinamización do stand, recoñecemento á excelencia con premios, participación en feiras e orixe galega do produto. Para os expositores de artesanía será necesario presentar a carta de artesán.
Os prezos establecidos que terá que pagar cada posto son 507,08 euros polo prezo público de uso do stand; 97,55 euros pola taxa por ocupación de vía pública recollida na Ordenanza Fiscal número 152; e 100 euros en concepto de fianza.
Máis información na web www.lugo.gal ou na Oficina da Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, situada na Praza Maior, 1.