O Concello de Lugo abre oficialmente o prazo para participar no Mercado de Nadal, “Nadalmente Lucense”, que terá lugar na Praza Maior do 5 de decembro ao 5 de xaneiro. Este evento, consolidado como un dos puntos de referencia das festas na cidade, busca dinamizar o comercio de proximidade e converter o centro nun espazo cheo de vida e ilusión.
Os interesados en participar deberán presentar a súa solicitude antes do 27 de novembro a través da sede electrónica do Concello ou presencialmente no rexistro municipal. Alternativamente, tamén poderán rexistrarse noutras administracións, sempre que envíen unha copia ao correo electrónico cei@lugo.gal. Xunto co formulario oficial (Anexo I), será necesario achegar: certificados de estar ao corrente coa AEAT, Xunta de Galicia e Seguridade Social; copia do DNI ou CIF; documento acreditativo de alta na TGSS; memoria detallada cos produtos que se van expor, incluíndo fotografías recentes; e a póliza e recibo actualizado do seguro de responsabilidade civil.
As solicitudes admitiranse para diferentes quendas semanais: quenda 1, d+o 5 ao 15 de decembro; quenda 2, do 16 ao 22 de decembro; quenda 3, do 23 ao 29 de decembro; e quenda 4, do 30 de decembro ao 5 de xaneiro.
O Mercado de Nadal contará con casetas decoradas, iluminación especial e un horario amplo: de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 21:00 horas, excepto os días 24 e 31 de decembro, con horario reducido ata as 14:30 horas, e os días 25 e 1 de xaneiro, cando permanecerá pechado.
As bases completas están dispoñibles na web do Concello de Lugo, na seguinte ligazón, onde tamén se publicarán as resolucións de adxudicación antes do 3 de decembro. Para calquera dúbida, os interesados poden contactar a través do correo cei@lugo.gal.