O Concello de Lugo abrirá mañá venres un prazo de 20 días hábiles para solicitar os 9 locais comerciais da Tinería que pon a disposición para a apertura dun negocio tras publicarse hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases que rexerán a convocatoria pública para a cesión. Así o avanzou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, que tamén informou de que as xornadas de portas abertas para que as persoas interesadas poidan coñecer as dependencias celebraranse a vindeira semana.
O Concello pon en marcha deste xeito un viveiro de empresas a pé de rúa xestionado polo CEI Nodus nos 9 locais que lle alugou ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) na Tinería. Esta iniciativa, subliñou Prieto, supón “revalorizar o barrio dunha maneira controlada e eficaz por medio dunha economía sostible e de valor engadido que fará atractiva a zona, non só para emprender e traballar, senón tamén para vivir, facendo posible un efecto chamada de novos residentes e empresas”.