A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, abre a porta a mudar o ano que vén o festivo do martes de Entroido polo venres ou luns do Arde Lucus. “Plantexarase”, sinalou a rexedora que admitiu ademais que dende o Concello foron xa “sondando” a diferentes colectivos. “Evidentemente a xente está máis sensibilizada en Lugo e os cidadáns vivimos máis en primeira persoa o Arde lucus que o Entroido”, apuntou Méndez.
Sobre se declarar festivo o venres ou o luns, a alcaldesa amosouse partidaria de “abrir o debate”, aínda que avanzou que os comerciantes “prefiren o luns” para poder descansar dos días de festa e dado que o venres é un día “importante” para este sector a nivel de vendas.
Ademais, Lara Méndez realizaba esta mañá un balance sobre a asistencia ao Arde lucus. Sinalou que esta décimo-quinta edición da festa foi “un éxito de participación”, no que se superou a cifra de 600.000 visitantes que o Goberno local marcaba como “barreira”. A alcaldesa salientou que a cidade estivo “abarrotada” estes días e agradeceu a participación da xente que un ano máis participou masivamente nas actividades malia as inclemencias do tempo, que non acompañou o xoves e o venres.
Lara Méndez confirmou ademais que xa se está traballando na declaración do evento como Festa de Interése Turístico Nacional e que agardan que este mesmo ano xa poida contar con dita distinción.