O Concello de Lugo iniciará nos vindeiros días un proceso preliminar de actualización da base de datos da que xa dispón para regular, posteriormente, o acceso de vehículos ao Centro Histórico e poñer en marcha mecanismos de control do tráfico nas zonas recentemente peonalizadas (O Carme, Recatelo, Calzada da Ponte, Mosqueira e barrio da Milagrosa: rúa Menorca e Pintor Luis Seoane, entre outras). O obxectivo desta iniciativa é simplificar a residentes, persoas usuarias e empresas que operan nestas zonas a tramitación administrativa para así, no momento que corresponda, axilizar a concesión das autorizacións oportunas.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, indicou que a atención ao público arrincará o próximo luns día 30. O servizo terá unha duración de tres meses durante os que cinco auxiliares administrativos/as realizarán as tarefas que permitan avanzar neste proceso de consulta de datos. Catro desempeñarán o seu labor desde as dependecias de Novas Tecnoloxías, na parte traseira da Casa do Concello, mentres que outro/a auxiliar operará desde a Unidade de Mobilidade da Policía Local, en San Fiz. Este último atenderá ao público de luns a venres, desde as 8 ata as 15 horas, mentres que os catro situados na praza Anxo Fernández Gómez estarán a disposición da veciñanza os luns, mércores e venres de 9.00 a 14.30 e os martes e xoves no mesmo horario de mañá e desde as 16 ata as 19.45 horas na quenda de tarde.
Alvarellos, explicou que “as persoas solicitantes serán atendidas en primeira instancia de xeito telefónico para axendar a súa asistencia presencial”. Nese primeiro contacto se indicaráselle a data e o horario da cita personalizada e informaraselles da documentación que precisan adxuntar en función de se son residentes ou empresas instaladas no Centro Histórico, ou se pertencen ao sector de distribución de paquetería e servizos profesionais. O concello recabará por outra vía os datos correspondentes ás flotas de vehículos tanto da administración local como do resto de organismos públicos.
“Antes de nada os veciños e veciñas deberán chamar ao número 982 29 73 77 onde o persoal muncipal lles asignará unha cita presencial en calquera dos dous edificios municipais, segundo o seu interese. Así mesmo, ofertarase a posibilidade de realizar os trámites de maneira telemática, a través do procedemento habilitado na sede electrónica do Concello para o que poderán contar con asistencia telefónica para cumprimentar o proceso se así o precisan. Pola súa banda, as empresas deberán chamar tamén para coñecer a documentación que teñen que adxuntar, pero a tramitación será exlcusivamente telemática como así determina a normativa “, explicou a alcaldesa.