O Cuartel de San Fernando abrirá, de novo, as súas portas a toda a cidadanía para tratar de dar cabida ao interese suscitado por coñecer o interior do edificio e o seu estado e conservación actual. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, explicaba hoxe que a medida vén dada pola cantidade de persoas que amosaron interese por participar na primeira xornada e, debido á elevada asistencia de público, non puideron realizala.
“A acollida da iniciativa foi estupenda. Este luns máis de 150 lucenses puideron descubrir in situ a xoia arquitectónica e patrimonial que é San Fernando, pero aínda así houbo ducias de interesados que xa non puideron entrar polo que abriremos un segundo turno de visitas guiadas, este xoves e no mesmo horario que a anterior, coa fin de que, nesta ocasión, poidan acceder á construción”, indicou a rexedora.
Lara Méndez anunciou tamén que debido á demanda social unánime que existe para converter o Cuartel no Museo da Romanización, o Partido Socialista trasladará ao Pleno Municipal unha proposición para promover que toda a Corporación se posicione sobre a necesidade de recuperar o proxecto de reforma comprometido pola Xunta e paralizado hai case 8 anos.
“Queremos instar ao executivo galego a que, segundo establece a Lei do Patrimonio Cultural, exerza a súa competencia exclusiva nesta materia impulsando a recuperación do Cuartel de San Fernando como sede do Museo da Romanización. Polo que lle solicitaremos tamén que proceda a incorporar unha partida nos Orzamentos do 2020 para retomar o proxecto existente, fixando ademais as anualidades para rematar as obras”, avanzou a alcaldesa.
“Unha das finalidades que teñen estas xornadas de portas abertas é a de concienciar á cidadanía da necesidade de que se reactive a rehabilitación integral do edificio, tal e como estaba previsto xa que, de non facelo, a falta de uso seguirá potenciando a deterioración do inmoble, ano tras ano, sen que as actuacións que se leven a cabo para freala sexan nada máis que parches e, polo tanto, un gasto para a veciñanza que podería investirse na materialización das ansiadas dotacións”, lamentou a rexedora.
Lara Méndez aproveitou para anunciar que o Concello acometerá proximamente novos arranxos nas instalacións para evitar que os danos nas mesmas sigan aumentando e subliñou que, a creación do Museo permitiría non só reunir todas as pezas arqueolóxicas que recollen a memoria romana da cidade e intensificar os labores de investigación, senón tamén converter a Lugo nun centro de referencia diferenciado para poder atraer un turismo cultural de calidade ao municipio, o que axudaría, asemade, á súa dinamización económica”, concluíu.
Lugo Monumental
Neste senso, a plataforma Lugo Monumental anunciaba hoxe o seu apoio á Plataforma Cidadá na Defensa da Rehabilitación do Cuartel de San Fernando; deste xeito, na vindeira asamblea xeral da asociación de empresarios do casco histórico, propondrán a adhesión a esta plataforma.
Lugo Monumental propuxo no seu día crear un centro educativo no Cuartel de san Fernando coincidinco don grupos como Esquerda Unida ou Cidadáns, pero, vista a imposibilidade técnica de adaptar o edificio, obrigou á asociación a descartar esa idea e sumarse á petición do Museo da Romanización.