A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou onte a apertura dos aparcamentos alternativos que o executivo municipal puxo en marcha nas rúas Ramón Piñeiro e Francisco Lamas López, cun investimento total de 171.000 euros. Fíxoo durante unha visita ás novas instalacións, onde estivo acompañada do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández.
A rexedora explicou que “unha vez finalizados os traballos en ambas parcelas municipais, que incluíron a pavimentación do chan, a renovación da iluminación ou a instalación de nova sinalización, entre outras tarefas, os e as lucenses xa poden facer uso destes novos aparcamentos cos que creamos 69 novas prazas de estacionamento públicas e gratuítas nos barrios de A Residencia e O Castiñeiro”.
Lara Méndez lembrou que “este proxecto está ligado á posta en marcha da nova senda verde ciclista da cidade, pois busca paliar a perda de prazas que se producirá nalgúns puntos da súa contorna”. Neste senso apuntou que “ás 69 prazas que hoxe pasarán a estar a disposición da cidadanía, súmanse as 57 que se habilitaron co repitando en batería ou espiga dos espazos nas rúas Río Mandeo, Pomar, Amizade, Ronda do Carme e Mestre Soutullo, acadando un total de 126 novas prazas”.
Dende que accedeu á alcaldía, Lara Méndez puxo en marcha 9 aparcamentos alternativos cun investimento superior aos 400.000 euros, creando 272 novas prazas de estacionamento en: Rúa Alcalde Manuel Portela; Rúa Do Buxo; Avda. Reverendo Xosé Fernández Núñez; Rúa Pedro González López; Rúa Jacinto Calvo Senador, Rúa Alcalde Xosé Novo Freire, Rúa Paradai De Arriba, Rúa Ramón Piñeiro e Rúa Alcalde Francisco Lamas López.
Por outra banda, a rexedora creou outras 363 prazas no párking fronte ao HULA, 150 máis co repintado das prazas da rúa que circunda o hospital Lucus Augusti e outras 80 coa apertura ao público, polas tardes e fines de semana, do aparcadoiro do Seminario.