O Goberno local anunciou hoxe que o Plan de Acción da Axenda Urbana Española, que engarza aos programas e proxectos relacionados co deseño e planificación estratéxica do municipio, vén de recibir financiación estatal.
“A Xunta de Goberno aceptou esta semana a achega, de 200.000 euros, que nos permitirá poñer en marcha unha Oficina de Xestión de Proxectos dende a que se artellen todas as accións recollidas baixo o paraugas Lugo Cidade Verde”, sinalou a rexedora.
“Trátase de darlle un enfoque integrador a todas as actuacións que desenvolvemos en prol de atender os impactos do cambio climático dende os fenómenos urbanos, procurando a ordenación do territorio e o seu uso racional, revitalizando a zona rural e urbana para propiciar a súa integración, pulando pola xestión sostible dos recursos, a economía circular e o fomento da proximidade tanto no eido do consumo como da mobilidade co fin de acadar unha maior cohesión e equidade social ao tempo que favorecemos tamén a innovación dixital”, explicou a rexedora.
A alcaldesa indicou que esta Oficina de Xestión de Proxectos se encargará da redacción das propostas técnicas que impulse o Comité Operativo, presidido pola propia alcaldesa e integrado por funcionarios de carreira da Institución con acreditada experiencia ao respecto.
“Ademais, a nosa vontade é favorecer, durante todo o proceso, a participación cidadá como fixemos xa noutras ocasións, a través das iniciativas Sumando Lugo ou Muramiñe Rehabilita, polo que teremos en conta as achegas que nos trasladen os diferentes axentes sociais alén de incorporar un Consello da Mocidade para propiciar a implicación da xuventude”, avanzou a rexedora quen tamén referiu a posta en marcha dun Observatorio Urbano para monitorizar os avances que experimente a cidade.
A primeira edil lembrou que o Concello de Lugo leva traballando dende o ano 2007 na transición verde do municipio, “dixital e socialmente cohesionada”, acelerando o seu impulso a partir de 2015 coa execución de numerosas accións nas que o seu eixo central e transversal é a sustentabilidade – como foron os programas Dusi, Life Lugo + Biodinámico, Smart City e mesmo o Lugo Transforma, para a dinamización e recuperación económica trala pandemia – e que agora poderán acadar maior proxección ao abeiro das axudas europeas Next Generation.