O Concello está a acometer o mantemento de toda a rede viaria das 54 parroquias lucenses con traballos de bacheo e desbroces, dos que se ocupa a brigada municipal do rural, composta por catro operarios, dous condutores e un palista.
Segundo informou este venres o voceiro municipal socialista, Miguel Fernández, as tarefas de bacheo estanse desenvolvendo na actualidade no núcleo de Soñar, tras finalizar en Vilachá de Mera, San Pedro de Mera, Bacurín, Poutomillos, O Burgo, Calde, Bazar, Monte de Meda, Santa Eulalia de Bóveda e San Andrés de Castro (Conturiz).
Nos vindeiros meses, continuarán os traballos ata completar o bacheo en todos os núcleos rurais, que suman 1.000 quilómetros de pistas. Ao mesmo tempo, a brigada do rural traballa no desbroce das estradas, aínda que este acondicionamento completarase e chegará á totalidade das parroquias grazas a un plan de actuación que se encontra en fase de contratación e conta cun orzamento de 127.000 euros.
Tamén no rural, explicou Miguel Fernández, vénse de acometer a rexeneración integral do firme de todas as vías das parroquias de Santa Comba e San Xoán do Campo con medios do Parque Móbil da Deputación.
Por outra banda, nos vindeiros días comezarán os traballos para dotar de aglomerado en quente a 22 estradas da zona rural, un plan cun orzamento de 1,5 millóns de euros financiado cos remanentes que logrou o Concello grazas á boa xestión económica que levou a cabo o Goberno local.
Xuñ 26, 2015 - 05:27 PM
Y el. concello de lugo no contrata a parados para hacer estos trabajos ? Pues daria puestos de trabajo durante unos meses