O Concello aproveita o peche das piscinas municipais de Frigsa durante este mes de agosto para acometer traballos de mantemento das instalacións co fin de conseguir un mellor e máis eficiente funcionamento.
As tarefas comezaron esta semana, segundo informou o edil, e afectan ao vaso de compensación da piscina antiga, que se baleirará e se limpará, ademais de colocar sistemas para mellorar o seu control e operatividade. Así mesmo, revisarase o perímetro dese vaso de compensación para selar posibles fisuras e reporanse plaquetas danadas. No caso do vaso novo, tamén se mellorará o funcionamento do vaso de compensación.
Ademais, procederase á reposición de plaquetas, ao acondicionamento da entrada e ao pintado de distintas zonas, entre outras melloras, “que aínda sendo pequenas e de pouco importe, son fundamentais para garantir a calidade dun servizo que usan a diario centos de persoas durante once meses ao ano e para mellorar a eficacia do seu funcionamento”, subliñou Miguel Fernández.