O Concello acometerá a peonalización integral do casco histórico con fondos Next Generation

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, proxecta acometer a peonalización integral do casco histórico a través dos fondos europeos Next Generation co obxectivo de darlle un impulso final e converter o recinto amurallado nunha Zona de Baixas Emisións (ZBE), que son áreas que pretenden mellorar a calidade do aire e mitigar as emisións de gases de efecto invernadoiro, polo que mellorará a saúde da cidadanía e permitirá unha mellor conservación do patrimonio.

A rexedora, que lembrou que as ZBE serán unha  obriga no 2023 para as cidades de máis de 50.000 habitantes, tal e como recolle a Lei de Cambio Climático, enmarcou estas accións no proceso da segunda transformación de Lugo, “que foi o meu compromiso electoral para este novo mandato, cunha estratexia verde de cidade moi clara que deseñamos e comezamos a implementar xa no mandato pasado – en gran parte grazas aos máis de 23 millóns de euros acadados nos programas europeos LIFE, DUSI e Smart – co obxectivo de mellorar a vida dos e das lucenses”.

Esta metamorfose persegue un cambio do modelo de cidade, “pero tamén da súa economía, e sempre coa sostibilidade como motor de impulso”, incidiu.

O obxectivo que persegue a rexedora agora coas actuacións que se presentan á primeira  convocatoria dos fondos de recuperación europeos, aprobados hoxe en Xunta de Goberno Local, é completar o 15% pendente para a peonalización integral do casco histórico, xa executada nun 85% con sucesivas actuacións a través de fondos europeos e de recursos propios. “Crearemos, así, unha rede peonil íntegra entre murallas que será funcional, segura, cómoda, accesible, atractiva e adaptada ao cambio climático”, explicou, engadindo, ademais, que “estamos a deseñar peonalizacións diferentes que inclúan maiores zonas de axardinamento e arboredo, xa que o casco histórico é deficitario”.

“Neste compromiso por un Lugo máis resiliente ao cambio climático a través dun urbanismo sostible incluïamos avanzar na peonalización do casco histórico co obxectivo de gañar espazos para a cidadanía, reducir o tráfico rodado e renaturalizar o recinto amurallado co fin de minorar a contaminación atmosférica, os niveis de ruído e as vibracións, altamente prexudiciais para a saúde da cidadanía e perigosas para a conservación do noso rico patrimonio histórico e patrimonial”, subliñou.

Neste senso, Lara Méndez explicou que a Zona de Baixas Emisións no recinto amurallado está configurada, ademais, como unha ‘supermazá’ no Plan de Mobilidade e do Espazo Público de Lugo, partindo do feito de que destaca por acoller a sede de diferentes administracións públicas, colexios e mercados, así como por ser o referente na cidade no ámbito turístico pola súa oferta patrimonial e histórica e en calquera tipo de festa ou evento, ademais de estar considerado como a zona cero do comercio da cidade.

Así, a rexedora anunciou a presentación aos fondos Next Generation, na convocatoria de creación de Zonas de Baixas Emisións, de dúas solicitudes, tal e como permite a orde do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana:

*ZERO EMISIONES: Centro Corazón Verde, que inclúe catro accións intramurallas, e nas que o investimento ascende a 5,9 millóns de euros, 4,4 millóns de subvención máis o 10% de financiamento municipal.

*ZERO EMISIONES: Centro Arteria Verde, que inclúe dúas accións que permiten dar continuidade á peonalización exterior do recinto amurallado, no que o investimento é de 3,6 millóns, 2,7 millóns de subvención máis o 10% de financiamento municipal.

“É dicir, estamos a falar dun investimento total superior a 10 millóns de euros, dos que 7,1 millóns procederán dos Fondos Next Generation”, explicou Lara Méndez.

Peonalizacións e medidas de control en todo o recinto amurallado

As catro accións da solicitude ZERO EMISIONES: Centro Corazón Verde suporán actuar en 21.268 m2 dun total de 82.494 m2 de superficie que mide o recinto amurallado.

Inclúen as peonalizacións, instalación de servizos, humanización e axardinamento:

  • Entre a porta da muralla “Bispo Odoario” e Praza do Ferrol, nas rúas Montevideo, Bolaño Rivadeneira, Ramón y Cajal, Quiroga Ballesteros (tramo comprendido entre Bolaño Rivadeneira e San Froilán) e Amor Meilán (tramo comprendido entre Quiroga Ballesteros e San Fernando).  Superficie: 7.887 m2. Importe sen IVE: 1.808.235 €
  • Praza do Ferrol, nas rúas Praza do Ferrol e San Fernando. Superficie: 7.055 m2. Importe sen IVE: 1.499.635 €
  • Praza de Santo Domingo e rúa Teatro. Superficie: 6.326 m2. Importe sen IVE: 1.198.910 €.

A alcaldesa explicou que “con estas iniciativas aceleramos a estratexia urbanística no centro histórico que nos está permitindo configurar novos espazos peonís con itinerarios interconectados e accesibles, reducindo a circulación e estancia do tráfico rodado e fomentando unha nova mobilidade máis sustentable e saudable”.

As accións contemplan o deseño das rúas como plataformas únicas e con criterios de perspectiva de xénero, suprimindo as barreiras arquitectónicas tales como as beirarrúas ou escaleiras, garantíndose a accesibilidade total e combinando a utilización de pavimentos descontaminantes con outros nobres e naturais da zona. Ademais, se crearán rúas e prazas máis humanizadas, con mobiliario sostible e ampliando as zonas verdes, con axardinamento e arborado, xeradores de aire puro e limpo, claves para mitigar o cambio climático. Así mesmo,  recollen a substitución dos elementos que forman parte das diferentes redes de servizos por outros materiais máis sostibles.

Por outra banda, poranse en marcha medidas de control da ZBE en todo o recinto amurallado, por importe de 416.000 € sen IVE, como a instalación de sensores e medidores de calidade do aire.

“Estas actuacións complementarán e ampliarán as medidas que xa estamos a pór en marcha co fin de acadar a Zona Baixa de Emisións como é a instalación dun novo sistema de control intelixente de accesos por lector de matrícula, co obxectivo de cambiar a regulación do tráfico rodado co fin de restrinxir aínda máis a súa circulación, axilizar as entradas e saídas e reducir o tempo de estancia, ou a creación dunha APP municipal coa información das prazas libres nos estacionamentos públicos”, avanzou.

En canto á segunda solicitude ZERO EMISIONES: Centro Arteria Verde, inclúe dúas accións, coas que o executivo municipal quere darlle continuidade á peonalización cara o exterior do recinto amurallado para acadar contornas más integradas e coherentes. Son as seguintes:

  • Humanización da Praza da Constitución, que afecta á Praza da Constitución e ás rúas Cidade de Vigo e Alcalde Ángel López Pérez. Superficie: 8.615 m2. Importe sen IVE: 2.240.000 €.

A proposta de renovación urbana desta praza ten por obxecto a súa conversión nun amplo parque público, que manteña os elementos que a caracterizan, pero ampliando e rexenerando este espazo histórico a través da eliminación do tramo asfaltado da Avenida Alcalde Anxo López Pérez, así como do conxunto de illotes e zonas destinadas ao tráfico de vehículos, que se constituirán en tramos de plataforma única con tráfico restrinxido e entrada ao aparcadoiro subterráneo.

O mesmo pasará cos tramos de calzada de asfalto da parte da Rúa Cidade de Vigo que atravesa o lado nordés da Praza, e o situado no lado sueste, fronte ás fachadas do Vello Cárcere e da Estación de Autobuses, entre a Rúa Cidade de Vigo e a Avenida Alcalde Anxo López Pérez.

  • Peonalización da Mosqueira. As subvencións da Orde Ministerial permite incluír obras que se integren nos obxectivos de rebaixa dos niveis de contaminación e mellorar a calidade do aire que iniciasen o proceso de licitación despois do 1 febreiro do 2020 e que non culminasen a data de inicio da convocatoria, como é o caso desta actuación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com