Logo das declaracións feitas onte polo Delegado da Xunta José Manuel Balseiro ao respecto de prazas de aparcadoro gratis na contorna do HULA, o Goberno Municipal por medio da Alcaldesa Lara Méndez, deu a coñecer que se asinou contrato para obras de acondicionamento da parcela municipal situada en fronte do HULA como aparcadoiro público e gratuíto, por un orzamento de 82.649 euros.
Méndez destacou que “dos 25.000 m2 de superficie que ten a parcela municipal situada en fronte do HULA, adecuaranse como aparcamento 12.200, que terán capacidade para 363 vehículos”. Os traballos precisos consisten no movemento de terras para a explanación e nivelación do terreo, que se cubrirá con zahorra, e a instalación dun peche perimental vexetal de tulla. Así mesmo, protexerase a mámoa cun peche de madeira, formado por postes verticais unidos por elementos horizontais tamén de madeira, formando dúas barandillas a distintas alturas, a 5 metros de distancia dos restos arqueolóxicos.
As actuacións levarán aparellado un control arqueolóxico na parcela e teñen un prazo de execución de 3 meses.
O novo aparcadoiro público e gratuíto en fronte ao HULA “cumpre unha gran demanda veciñal e complementa a ampliación das prazas que xa fixo o Goberno no 2016 coa reordenación do estacionamento na estrada que circunda o centro hospitalario”.