O Concello activou este luns o Plan de Roza, que acondicionará uns 700 quilómetros de estradas municipais ao longo deste mes de xullo e do vindeiro mes de agosto. O concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, supervisou esta mañá o inicio das tarefas, que contan cun orzamento de 97.300 euros e dos que se encargan 8 tractores e unha docena de operarios, que comezaron en Teixeiro e Monte de Meda.
Paulatinamente, estas tarefas continuarán polas restantes parroquias actuando nas estradas de titularidade municipal de 50 de 54 parroquias luguesas, facéndose cargo da limpeza viaria das 4 restantes a brigada municipal.
A entidade local inicia esta programación de traballos de roza ao comezo da tempada estival para evitar posibles incendios, ao tempo que se se optimizan os recursos. “Ademais de manter en bo estado as vías do rural, con estas tarefas, que atenden a peticións veciñais, melloramos as comunicacións no rural e a seguridade vial”, destacou Fernández, quen subliñou o gran peso do rural do municipio, que supón o 80% do total do territorio do Concello e o 10% da poboación.