O Concello activa un protocolo para reducir residuos nos grandes eventos

O Concello de Lugo porá en marcha un innovador protocolo destinado a reducir a xeración de residuos nos grandes eventos festivos do municipio. Esta iniciativa, enmarcada no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “…Et edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía”, forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea a través do programa NextGenerationEU.

A rexedora anunciou este martes a apertura do proceso de contratación para a elaboración deste documento que ten como obxectivo diminuír a produción de refugallos e fomentar un comportamento responsable na cidadanía, minimizando o impacto ambiental dos eventos multitudinarios no municipio mediante a aplicación das 3R: Redución, Reutilización e Reciclaxe.

O protocolo incluirá un conxunto de accións destinadas a sensibilizar á poboación e aos visitantes sobre a importancia dun tratamento adecuado dos residuos.

Osprincipais obxectivos que persegue esta iniciativa son: reducir a cantidade de residuos xerados, especialmente en eventos de interese turístico; fomentar un comportamento responsable no consumo e na xestión de residuos; promover o coñecemento das prácticas sustentables aplicables tanto no ámbito turístico como na vida cotiá; e incrementar o prestixio medioambiental de Lugo como destino turístico comprometido coa sustentabilidade.

A iniciativa está financiada nun 100% pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU e conta cun orzamento base de licitación de 35.688,00 euros (IVA incluído). A execución do contrato terá unha duración de catro meses, durante os cales se elaborará o protocolo e se deseñarán as accións específicas para a súa implementación. Incluirá, entre outros aspectos, un diagnóstico da situación actual, un plan de accións para a redución e xestión de residuos, e un cronograma para a súa execución e avaliación. Ademais, integrará materiais de difusión e campañas de sensibilización ambiental adaptadas ás características do entorno de Lugo.

 Este mesmo martes publicouse na Plataforma de Contratación do Sector Público o anuncio de licitación do contrato, finalizando o prazo de presentación de ofertas o vindeiro día 13 de marzo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com