O Executivo de Lara Méndez destinará 152.369 euros a un novo Plan de Formación dirixido, nesta ocasión, a 1.120 persoas desempregadas. Unha iniciativa que ten por obxectivo, proporcionar á cidadanía o acceso aos certificados profesionais en diferentes sectores, acadando maiores oportunidades laborais segundo as condicións do mercado actual, favorecendo a súa promoción profesional e fomentando a súa inserción.
A Xunta de Goberno Local aprobaba hoxe a apertura do procedemento de contratación desta iniciativa que se enmarca dentro da Estratexia Global de Dinamización, Reconstrución e Reactivación da Economía Local do Concello de Lugo.
Os pregos, elaborados pola área de Desenvolvemento Local, recollen a esixencia de que as empresas adxudicatarias asuman tanto a organización como a programación, execución e divulgación de diferentes accións formativas con docencia especializada en catro bloques ou lotes: a atención a dependentes, a creación de páxinas web, a adquisición de competencias clave en matemáticas e na linguaxe, con 15 prazas en cada un dos módulos, e outro máis enfocado á impartición de docencia online con alcance para 1.000 persoas.
A alcaldesa explicou que a escolla destes contidos “obedeceu á necesidade de que os perfís laborais actuais se axusten ás carreiras profesionais con maiores expectativas de inserción, tendo en conta os novos condicionantes do mercado de traballo”.
“Por iso – engadiu Méndez – o primeiro dos lotes versará sobre formación en atención a persoas dependentes co ánimo de adquirir destrezas sobre o apoio na recepción e acollida destas persoas en institucións sociais, a organización de actividades, animación sociocultural, e mesmo para mellorar a comunicación con elas”.
A rexedora deu conta, alén, de que o lote número 2 centrarase na confección e publicación de páxinas web. A competencia xeral deste módulo oriéntase á creación de páxinas web integrando textos, imaxes e outros elementos, utilizando a linguaxe de marcas e editores apropiados e realizar os procedementos de instalación e verificación das mesmas no servidor correspondente.
En canto ao terceiro lote, que contará con dúas edicións para cada unha das tres especialidades que recolle, persegue a obtención de competencias clave tanto en matemáticas como en comunicación en lingua galega e castelá. A este respecto, a alcaldesa destacou a valía dos “certificados de profesionalidade” que obterán as e os beneficiarios do Plan, “como unha das ferramentas cada vez máis importantes para a mellora da empregabilidade”.
Xa para finalizar, o último dos bloques, terá un alcance de 1.000 persoas ás que se lles ofertarán cursos online mediante unha plataforma telemática.