Dende a área de Infraestruturas Urbanas, do Concello de Lugo, veñen de informar de que no día de hoxe comezou a realización dunha nova intervención en distintas rúas da cidade para mellorar a accesibilidade. A concellería informou que “con esta actuación realizaranse adaptacións nos bordes de múltiples beirarrúas, que van desde rebaixes, adaptacións específicas para persoas con mobilidade reducida e completar beirarrúas que estaban sen concluír”.
Infraestruturas Urbanas adaptará a altura das beirarrúas e as baldosas instaladas en distintos puntos das rúas Xulia Minguillón, Avenida da Coruña, Yañez Rebolo, Amizade, Quiroga, Eduardo Pondal, Estrada da Granxa e Sargadelos. A actuación adxudicouse por 35.090€, cun prazo de realización de 7 semanas.
Dende a área lembran que “traballamos nos distintos barrios da cidade, en moitos casos en zonas nas que se levaba anos sen realizar ningunha actuación, mellorando a estética da zona e as condicións de vida da veciñanza”.