O Concello de Lugo modificará neste 2023 a data de cobro dos recibos da auga que se xiran a través do banco.
Unha medida que só afectará ás domiciliacións e que obedece á obriga de axustarse aos periodos que impón Augas de Galicia para render contas dos datos relativos ao tributo autonómico do Canon da Auga.
A concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, explicou que “o devandito canon é unha taxa finalista que a Administración local debe recadar de maneira conxunta coa subministración de auga e os servizos de recollida de lixo e sumidoiros pero que, en cambio, non pasa a engrosar as arcas municipais senón que a súa receptora é a Xunta”.
“Non só temos a obriga de incluír o canon no recibo do Concello, senón que ademais debemos trasladar a Augas de Galicia toda a información relativa ao mesmo, sinaladamente a dos impagos, e facelo nuns prazos determinados que estipula a propia entidade para que sexa ela quen o reclame, vía executiva, directamente á ou ao contribuínte”, referiu.
Toda vez que a Institución local xa dispón do aplicativo informático que permite o intercambio correcto deses contidos, resulta “necesario agora adiantar uns días o cobro dos recibos que están domiciliados para coordinar o procedemento bancario cos tempos que esixe a Administración hidráulica”.
Deste xeito, a edil sinalou que “non mudará nin a data da emisión do padrón (de onde se obteñen os consumos dos diferentes inmobles dados de alta), nin tampouco o calendario fiscal que marca os trimestres e os períodos voluntarios de pago en cada un, que se manterán como até o de agora”.
As entidades financeiras pasarán a adiantar o cobro dos recibos domiciliados uns dez días para conxeniar o prazo de devolución que ofrecen (8 semanas) dentro dos límites dos que dispón o Concello para comunicarlle a información á Xunta.