O Concello adquirirá un novo furgón mixto para os bombeiros de Lugo. A Xunta de Goberno abriu o proceso de adxudicación para comprar este novo vehículo, ao que dedica 65.000 euros. O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.
Así o asegurou esta mañá o voceiro do Goberno municipal, Miguel Fernández, que sinalou que esta adquisición vén motivada pola antigüidade do furgón actual, con máis de 26 anos de funcionameno. O edil indicou que este novo vehículo para o Servizo de Emerxencias do Concello debe cumprir determinadas características no que se refire á carrocería e chasis, motor, transmisión, freos, dirección, suspensión, rodas e neumáticos, equipamento e acabado exterior.
O prazo máximo de entrega será de 4 meses dende a formalización do contrato, ofrecendo a empresa adxudicataria un prazo de garantía de 24 meses para dito furgón.