O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, informou hoxe de que o Concello recibiu a documentación complementaria que lle requiriu ao Sergas sobre o proxecto do centro de saúde da Residencia e que os técnicos municipais a están a avaliar, pero a administración autonómica segue sen achegar a autorización de Patrimonio da Xunta, preceptiva por que o edificio do Materno Infantil está protexido. Este permiso resulta indispensable para que o Concello poida conceder a licenza para a execución das obras do centro sanitario, tal e como lembrou Piñeiro.
O edil recordou que no comité de Patrimonio Cultural no que se tratou o proxecto básico do centro integral de saúde da Residencia, celebrado hai case un mes, este organismo informou desfavorablemente a solución proposta pola Xunta para a fachada central do centro de saúde porque modifica a estética xeral do edificio e a súa forma. Esta cuestión débea corrixir no proxecto completo que ten que presentar, para que, de novo e de maneira definitiva, Patrimonio volva a informar. Sen este informe último de Patrimonio, o Concello non pode dar licenza.