O Concello agarda o permiso da Xunta para traslocar os mexillóns

O Concello de Lugo enviou xa á Xunta de Galicia a solicitude de traslocación dos mexillóns existentes no punto do río onde pretende habilitar o acceso que facilite o baño.

A petición realízase toda vez que a Administración local dispón xa do beneplácito da Confederación Hidrográfica para colocar as estruturas, ao ser este o organismo competente – tal e como indicaba a propia dirección territorial da Consellería de Medio Ambiente no seu informe – para autorizar a instalación das plataformas e o seu balizamento.

A área de Transición Ecolóxica completaba a documentación necesaria para facer efectivo o premiso sinalando finalmente, na petición, un único punto de entrada ao Miño.

Trátase do ubicado augas abaixo e no que se contabilizou a existencia de unicamente 96 exemplares de náiade, o que debería simplificar tanto as tarefas de desprazamento como a minoración dos tempos necesarios para realizar estes traballos que se piden poder enmarcar nas inmediacións da zona de baño nas que se constatou, a este respecto, suficiente capacidade de acollida.

Porén, a rexedora lucense, Paula Alvarellos, explicou que o principal motivo desta decisión obedece ao importante desnivel que presenta a ribeira do río no segundo emprazamento, o situado augas arriba, e que obrigaría a facer un desmonte considerable do terreo.

Cómpre lembrar que, o estudo realizado pola consultora ambiental Biosfera permitiu comprobar a existencia de dúas localizacións, diferentes ás inicialmente sinaladas na primeira proposta municipal, nas que se rexistraba unha baixa densidade de moluscos e que facía factible a colocación das ramplas.

Eses puntos están a escasos metros 10 metros augas abaixo para a plataforma situada augas abaixo – na que o Concello pretende actuar en canto reciba o permiso da Xunta para mover os mexillóns – e en torno a 5 metros arriba, no caso da situada augas arriba pero que, pola orografía da zona, dificulta a súa instalación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com