O Concello decidiu ampliar ata o vindeiro 31 de xullo o prazo de presentación de solicitudes dos 9 locais comerciais que ten en aluguer no barrio da Tinería á petición de moitos dos propios interesados coa fin de facilitarlles en todo o posible a súa participación ao dispoñer de máis tempo para preparar as súas propostas, en tanto que moitos deles manifestaron a necesidade de pedir orzamentos externos para o acondicionamento dos locais co fin de poder valorar a viabilidade dos negocios que se propoñen poñer en marcha nos inmobles. Así o anunciou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen avanzou que a ampliación do prazo será aprobada pola Xunta de Goberno este mércores.
Con este mesmo obxectivo de facilitar ao máximo a participación, o Goberno convocou para este venres, ás 9:30 horas, no CEI Nodus, unha xornada informativa aberta con técnicos municipais, tanto de Desenvolvemento Local como de Urbanismo, na que poderán participar todas as persoas que teñan interese nos locais e resolver deste xeito as súas dúbidas.
Así mesmo, respondendo ás peticións formuladas, celebrarase unha nova xornada de portas abertas nos locais, a terceira, o vindeiro martes 10 de xullo, de 10:00 a 12:00h.