O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, anunciou este xoves no Salón de Plenos a execución de novas obras que acometerá o Concello na cidade por valor duns 165.000 euros. Trátase de traballos para a instalación de alumeado público, renovación da rede de abastecemento, obras de accesibilidade e tarefas de conservación e mantemento do pavimento.
No que se refire á instalación de alumeado público, acometerase no vial entre Marqués de Ombreiro e Ronda do Carme, incluíndo tanto a reposición do alumeado como a renovación do pavimento, e no canil de Aceña de Olga. Tal e como indicou o edil, as obras, que saíron a licitación por máis de 38.500 euros, adxudicáronse cunha baixa dun 14% sobre o prezo de saída, é dicir, por uns 33.100 euros.
Así mesmo, Núñez informou da renovación da rede de abastecemento no Paseo Álvaro Cunqueiro e rúa Vila de Sarria, por un importe superior aos 38.200 euros, cunha redución dun 29,50% á baixa da súa licitación. No primeiro caso, a entidade local substituirá as tubaxes de fibrocemento e no segundo, cambiaranse as tubaxes de chumbo.
Entre as actuacións anunciadas, o Concello tamén levará a cabo tarefas de mellora de accesibilidade en 11 rúas da cidade, por máis de 39.100 euros. Neste proxecto inclúense diversas rúas nas que os rebaixes xa están executados, pero nos que existe algún trazado máis complexo. Deste xeito, segundo explicou Núñez, o Concello pretende completar os itinerarios totalmente accesibles nas rúas Miguel de Cervantes con Ruíz de Alda, Cadramón con Cedro, Avenida da Coruña con García Abad, Doutor Gasalla, Campos Novos, Agro da Torna, entorno do Centro de Educación Especial Santa María, Virxe da Esperanza, Sanxillao, Río Sil, rúa das Artes e Alfredo Brañas.