O Concello de Lugo informou hoxe de que as empresas adxudicatarias de obra pública impulsada e financiada con cartos municipais quedan exentas do pagamento da taxa por ocupación de vía pública. Dende o goberno local explican que se trata daquelas obras que os contratistas executan con suxeición ao proxecto e aos consecuentes pregos de condicións particulares, e as entregan ao Concello ao seu remate.
O Goberno adoptou esta medida en base a un informe emitido polos servizos técnicos municipais o que, segundo aseguran, implica certos beneficios como “unificar criterios na entidade local, axilizar a tramitación e, polo tanto, o inicio da execución das obras, e elimina tamén os impedimentos que tales trámites e gastos supoñían para que as empresas participasen na licitación pública ou asumisen obras menores e urxentes”.
O Concello asegura que esta exención de taxas “está fundamentada na xurisprudencia, que considera que a Administración pública contratante é o suxeito pasivo ou beneficiario da utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público, polo que o contratista non está suxeito ao pago da taxa por ocupación de vía pública”.