O novo parque, que se amplía en máis 70 m², servirá, igualmente, para incrementar a súa funcionalidade dende un punto de vista inclusivo.
As escaleiras serán substituídas por ramplas, e os cerramentos, tanto deste parque como do recinto infantil próximo, serán moito menos invasivos adoptando unha configuración de murete revestido en madeira, que exercerá de banco para favorecer a socialización.
Méndez, que compareceu acompañada polo concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, fixo fincapé en que “a accesibilidade e a sostibilidade serán as dúas premisas transversais da actuación, xa que todo o mobiliario procede da reciclaxe de plásticos e terá certificado de baixa pegada de carbono, cumprindo así os obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030”.
A mandataria lucense avanzou “que todo o parque disporá dun pavimento de caucho continuo, con revestimento decorativo, respectuoso co medio ambiente e con propiedades antiescorregadizas e outras caranterísticas técnicas que garanten unha longa durabilidade e boa resposta ao uso á intemperie”.
Un anel xiratorio, unha cunca inclinada e mesmo un carrusel tipi con abrazadeira serán outras das opcións que poderá escoller a cativada para ocupar o seu ocio mentres exercitan habilidades físicas e estimulan o equilibrio, a percepción do espazo ou a concentración.
En canto ao mobiliario urbano o parque contará con papeleiras elaboradas con residuos que de forma cotiá se desbotan, precisamente, ao lixo.
A intervención, cuxa licitación se aprobará mañá en Xunta de Goberno e disporá dun prazo de execución de 5 meses para materializar os traballos.