O Concello aplicará unha reorganización temporal dos efectivos da Policía

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o director xeral de Recursos Humanos, Emilio Martínez Rivas, informaron este xoves de que o Concello aplicará a partir do 1 de abril unha reorganización de mínimos e temporal dos efectivos da Policía Local para optimizar o funcionamento do servizo e que poida ser realmente útil á cidadanía. Trátase de “equilibrar o número de policías das quendas ante a merma de axentes producida a raíz do decreto regulador de xubilación anticipada, ao que se acolleron a día de hoxe 26 funcionarios policiais”, explicou a rexedora.

A forma na que se distribúen os efectivos na actualidade, asegurou Lara Méndez, “non se corresponde coas necesidades reais do traballo, que son similares para cada unha das quendas. Estamos a falar dunha optimización dos recursos dispoñibles, mermados pola xubilacións, e á espera de que se cubran as 45 prazas previstas nas catro ofertas de emprego público que sacamos adiante neste mandato”. A Alcaldesa recordou neste senso que no último Pleno se aprobou un convenio de colaboración para delegar na Administración Autonómica os procesos selectivos co fin de que se axilicen.

Mentres tanto, argumentou Méndez, “por razóns de urxencia e necesidade, poremos en marcha unha redistribución de efectivos, con carácter temporal, a nivel de oficiais e policías, que ademais non suporá unha reorganización completa senón de mínimos para garantir o correcto funcionamento do servizo e que este sexa realmente útil á cidadanía”. “É a nosa responsabilidade e a nosa obriga reorganizar os servizos municipais do xeito que consideremos máis adecuado, e en función dunha proposta técnica”, indicou a Alcaldesa, unha proposta que, xunto co director Xeral de Recursos Humanos, intentou explicar esta mañá aos oficiais da Policía nunha reunión de traballo. “E fixémolo abertos a escoitar as súas propostas e suxestións”, recalcou a Alcaldesa.

Sen embargo, engadiu, “encontrámonos con que foi imposible a exposición aos seis oficiais que asistiron á reunión, que son todos os que hai na plantilla, agás un que estaba nun tribunal dun proceso selectivo. Despois de interromper a miña intervención na que quixen expoñerlles primeiramente a motivación e despois dar paso á proposta de reorganización, se dirixiron a nós con insultos, incluso incorporándose, polo que lles invitei a sentarse e a seguir escoitando a proposta ou se non que abandonaran a reunión. Abandonou un a reunión e detrás foron o resto. E no momento da marcha fixeron alusión á Relación de Postos de Traballo”.

“Todas as reclamacións sindicais e laborais son lexítimas, e nós as defendemos, pero o marco de debate e de diálogo é diferente. Nin era o tema nin era o lugar. Esta reorganización non afecta para nada aos seus dereitos laborais, e si afecta ao correcto funcionamento dun servizo tan importante e necesario para os veciños e veciñas de Lugo. O interese e o benestar da cidadanía debe ser o prioritario para calquera funcionario público e sobre todo, se falamos de seguridade, da Policía Local”, afirmou Lara Méndez.

Ante esta actitude, “que consideramos inaceptable”, o Concello, a través do departamento de Recursos Humanos, “iniciará un expediente disciplinario aos asistentes á reunión e proseguirá por outra banda coa reorganización que estaba prevista, que se lle ía adiantar hoxe aos oficiais para que lla trasladaran ao resto da Policía Local co fin de que cando entrara en vigor xa todos tiveran coñecemento e puideran facer unha planificación mesmo da súa vida persoal”, explicou a Alcaldesa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com