A titular de cultura do Concello de Lugo presentou hoxe a nova programación gratuíta e xuvenil impulsada polo goberno local, Ti que contas, un proxecto dirixido a mozos que se desenvolverá en diferentes xornadas de maio e xuño co fin de que os participantes se expresen e se comuniquen a través do cine, o teatro, a literatura, a danza ou a plástica.
No acto no que tamén estiveron presentes os coordinadores das actividades, María Valcárcel e Enrique Bonet, a edil destacou que “levamos a cabo estas actividades culturais onde a creatividade é a protagonista, co fin de que rapaces e
rapazas de 10 a 18 anos teñan a súa voz, tomen decisións, intercambien opinións, se fagan preguntas e fomenten o espírito crítico”.
Ti que contas terá lugar nos espazos exteriores do Vello Cárcere e dividiranse as persoas inscritas en tres grupos de idade: Grupo A para maiores de 18 anos, grupo B para rapaces e rapazas de 15 a 18 anos e un terceiro grupo C no que se inclúen todos os/as participantes entre 10 a 14 anos.
Nesta programación cultural, polo momento, desenvolveranse dous obradoiros, o primeiro denominado Palabras traballará a escritura creativa dende un ángulo divertido e dinámico; o segundo, Cinema, dará a coñecer os elementos básicos para construí unha historia cinematográfica.
As persoas interesadas en participar poderán formalizar a inscrición a través da seguinte plataforma habilitada: www.tiquecontas.es. A partir deste enderezo estableceranse os grupos de traballo divididos por idades.