A área de Medio Ambiente está a arranxar estes días varias deficiencias localizadas na rede de saneamento que atravesa a traza do Camiño Primitivo ao seu paso pola Rolda do Carme e a Calzada da Ponte.
“Logo de detectarse a presenza de augas residuais nestes dous emprazamentos procedeuse a realizar, coa maior celeridade posible, as correspondentes comprobacións para dar coa orixe das fugas co fin de evitar os prexuízos que ocasionan tanto para a veciñanza que reside nestas zonas como tamén para o ecosistema nun espazo de tan elevado valor patrimonial”, explicou Álvaro Santos.
O concelleiro responsable sinalou que, “no caso da Rolda do Carme, toda vez concretado mediante a utilización de colorante o punto exacto do que partían as filtracións, eliminouse o vertido coa instalación dun tramo, de aproximadamente 36 metros, de colector de PVC, co que se deu por corrixida a deficiencia. Ao mesmo tempo que procedemos a arranxar un afundimento do firme na outra marxe da vía que, se ben nun primeiro momento atribuímos á situación das canalizacións, finalmente gardaba relación co propio compactado do pavimento, quedando tamén resolto este problema”.
En canto á reparación realizada na Calzada da Ponte, consiste no desatasco do colector que discorre baixo a escaleira que comunica esta rúa coa do Cruzamento, onde se executará en vindeiras xornadas un pozo de rexistro e colocarase unha arqueta, “actuación coa que, entendemos, quedarán solucionados definitivamente os desbordamentos de augas fecais neste punto da cidade”, concluíu o edil.
Xuñ 16, 2020 - 04:40 PM
Era hora que lo hagan