A área de Urbanismo Sostible trasladaba hoxe á Xunta de Goberno Local para a súa aprobación a concesión dunha licenza para reestruturar, de forma íntegra, un edificio da Ronda da Muralla.
“Trátase dun expediente complexo xa que o inmoble, ademais de atoparse nun soar da zona PEPRI e con protección arqueolóxica, obrigou á cesión dunha pequena parte dos terreos ao Concello que os promotores deberán tamén acondicionar”, sintetizou Miguel Couto.
“Por unha parte – abondou o concelleiro – a obra leva aparellada unha excavación de aproximadamente un metro de profundidade na superficie a reestruturar o que fixo imprescindible que varios servizos municipais, incluídos o de arqueoloxía, tiveran que presentar informe para poder avalar a actuación con todas as garantías”, indicou o concelleiro.
“Alén disto, aínda que a parcela dispón de servizo urbano de abastecemento de auga potable, rede de saneamento e subministración de enerxía eléctrica e alumeado público, o mal estado no que se atopan estas dotacións obriga á súa renovación sendo preciso ademais o soterramento de todo o cableado existente”, referiu Miguel Couto.
“Circunstancias, todas elas, ás que cómpre engadir que os promotores deberon ceder á administración local uns terreos exteriores á aliñación oficial da construción que, trala reforma, quedarían illados na futura prolongación da rúa Centola, imposibilitando ao Concello exercer o seu mantemento. Falamos dun pequeno espazo sobre o que existe o compromiso de realizar obras de reurbanización tales como tarefas de roza, limpeza, nivelación e extensión dunha capa de xabre ou similar para acondicionalos debidamente aos intereses municipais así como a obriga de garantir a súa permanente conservación”, engadiu o edil.
Os traballos, que teñen un orzamento de 250.430’43 euros e un prazo de execución de 30 meses, estarán sometidos ao pertinente control arqueolóxico municipal.
Por outra banda, na reunión desta mañá, o executivo local concedía igualmente o visto bo a outras dúas licenzas, unha para acometer melloras de accesibilidade nun portal da Praza do Rei, por importe de 4.861’55€ e outra para a rehabilitación dunha fachada na Avenida da Coruña por valor de 1.249’31€ e autorizaba tamén unha encomenda de xestión a Evislusa para a redacción do proxecto de segregación dunha parcela do Plan Parcial do Serctor Sur-K do PXOM, en San Fiz, para poder proceder a unha compensación urbanística a unha entidade promotora coa que o Concello alcanzara acordo previo.
De igual xeito, na xuntanza desta semana quedou aprobada a convocatoria pública de subvencións ás asociacións sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade no eido da Xuventude, para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral e sectorial, de difusión, recuperación e recreación histórica da cidade e para o mantemento, conservación e pequenas reparacións das infraestruturas nas que se levan a cabo estes programas. Unha partida que disporá dun orzamento de 10.000€.