A Xunta de Goberno do Concello de Lugo autorizou hoxe a concesión á Xestur dunha licenza de parcelamento no Polígono das Gándaras.
A solicitude, presentada o 8 de outubro, foi resolta pola administración local en tan só 9 semanas “coa maior das dilixencias” para posibilitar a finalización da Fase I deste parque empresarial. A actuación implica o segregamento da parcela denominada K1.2 de 8.267 m², que dará como resultado dous predios de 4.378 m² (K1.2) e 3.889 m² (K.1.2.2) que terán, respectivamente, unha edificabilidade de 6.567 m² e 5.833’50 m². O primeiro estará localizado fronte ao vial B e o segundo fronte ao vial F, esquina vial B.
A alcaldesa de Lugo emprazou, nunha nova ocasión, á Xunta de Galicia a ser áxil na urbanización do solo industrial deste Polígono así como na posta a disposición de todos estes terreos a aquelas iniciativas empresariais que poidan amosar interese por implantarse aquí.
“Trátase de que Lugo non perda oportunidades económicas nun momento, ademais, no que desde o Concello estamos a impulsar a captación de investimentos co fin de que se asenten negocios na cidade e se poida crear emprego”, afirmou a rexedora.
A rexedora lembrou que para acadar ese obxectivo o Goberno local traballa en diferentes ámbitos, tanto a través da Estratexia Lugo Transforma, que mobiliza 12 millóns de euros na constitución dun fondo público emprendedor para atraer empresas que xeren un alto impacto social e medioambiental, como mediante outras iniciativas, da man do tecido económico e produtivo da cidade, “polo que esa dilixencia resulta tan necesaria como o mantemento dunha comunicación continúa e constante entrámbalas dúas administración que reverta nun incremento da nosa capacidade conxunta para abordar os retos desta etapa post-covid e que pasan pola recuperación e dinamización económica do municipio e o fortalecemento da sociedade a través da xeración de postos de traballo”, concluíu.
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local, autorizou tamén esta semana a readaptación dun edificio en San Pedro, destinado a 6 apartamentos e 3 vivendas, todas de uso turístico(150.644 €), así como a construción dunha instalación de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, en réxime desatendido, con dous dispensadores para gasóleo e outros dous para gasolina 95, na Avenida Infanta Elena (110.224’60 €).
A primeira das peticións resolveuse no prazo de 4 meses, logo de presentarse o 30 de xullo, e a segunda en pouco máis de medio ano, tras rexistrarse a principios do mes de maio.