O goberno de Lara Méndez vén de dar un novo paso para avanzar no procedemento de entrega das escrituras aos propietarios das 15 vivendas da Croa para o que resultaba imperativo proceder, con carácter previo, á redacción dun proxecto de parcelación dos terreos municipais neste núcleo do barrio de Albeiros.
Continuando co proceso iniciado anteriormente, o edil de Urbanismo Sostible, ditaba unha providencia para, debido á insuficiencia de medios no departamento de Arquitectura, dar traslado a Evislusa da realización destes traballos entre os que se incluía a presentación dun informe coas Bases polas que se rexerá a devandita encomenda de xestión, “hoxe aprobada en Xunta de Goberno, co fin de dar cumprimento a unha débeda institucional para coas persoas propietarias destes inmobles”, indicou Miguel Couto.
Deste xeito, o concelleiro explicou que “o obxecto das tarefas que asumirá a Empresa de Vivenda e Solo consisten na elaboración do proxecto de parcelación de predios municipais no núcleo de recente formación de A Croa e o encargo dos documentos asociados necesarios como o estudo topográfico, a validación catastral, o documento proforma, etc así como a creación dun proxecto de demolición de ao redor dunha decena de edificacións existentes e do acondicionamento de terreos no ámbito das expropiacións previstas ao efecto. Documentos que ascenden a 19.844 euros pero que non precisarán de consignación orzamentaria ao incluírse dentro das atribucións que pode executar esta mercantil, que opera como órgano instrumental do Concello”.
“Ademais será preciso externalizar, entre outros labores, o levantamento planimétrico en soares, as validacións catastral e da masa complementaria, así como a supervisión arqueolóxica e de dirección e coordinación de seguridade e saúde das citadas obras que teñen un custo estimado total de 15.054’87 euros”, abondou o responsable de Urbanismo.
Por outra banda, na sesión desta semana o executivo local outorgou varias licenzas urbanísticas, para a construción dunha nave no Polígono das Gándaras, dunha vivenda unifamiliar na urbanización das Saamasas e dun almacén para apeiros de labranza en Recimil e autorizou a reforma dunha edificación tradicional na parroquia de Esperante ademais de dúas reorganizacións de parcelas en Muxa de Abaixo e en Santa María Alta