O Concello avanza na regularización urbanística da parcela do Garañón

O responsable de Urbanismo Sostible do Concello de Lugo, Miguel Couto, anunciaba esta mañá que o goberno de Lara Méndez continúa a dar pasos para avanzar na regularización da situación urbanística na que se atopan as costas do Parque logo de que esta semana se celebrase a Mesa de Contratación na que se coñeceron as ofertas presentadas ao proceso de licitación dunha asistencia técnica para a elaboración dun proxecto de modificación puntual do PXOM no ámbito da URPI -58, en execución de sentenza.

Miguel Couto referiu que despois de mellorar o prego de condicións técnicas da adxudicación, no que se variaron levemente os criterios de solvencia económica e técnica aos efectos de facilitar o acceso á mesma, cinco empresas concorreron á convocatoria sendo seleccionada GAU Arquitectura e Urbanismo SL por ofrecer as condicións máis vantaxosas.

“Este Gabinete de Arquitectura propuxo un prezo por debaixo do importe de saída da licitación, que se situaba nos 27.322’36€ e se comprometeu a adscribir á execución do contrato un equipo con experiencia en proxectos de natureza similar. Agora dispón dun prazo de dez días para acreditar esa bagaxe que deberá ser contrastada polos técnicos municipais antes de pasar a fiscalización e, posteriormente, á Xunta de Goberno Local para a súa aprobación definitiva”, indicou o concelleiro.

O edil de Urbanismo subliñou que, con este paso, se persegue cambiar o PXOM, tal e como indicou o TSXG, pero tamén camiñar cara o obxectivo do Goberno de Lara Méndez de “converter esta área nunha zona verde co fin de dar continuidade ao cinto verde que constitúe o parque de Rosalía de Castro e o Miño, axudando a integrar o río na cidade, impulsando así un dos piares do noso modelo de cidade”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com