O concelleiro de Infraestruturas Urbanas informou que o servizo de enxeñaría vén de emitir un informe que permite continuar avanzando no desdobramento da Avenida Infanta Elena, “un proxecto necesario para mellorar a conexión do centro da cidade e a saída cara a A-6”, segundo indicou Alexandre Penas, que visitou os terreos acompañado do Tenente de Alcalde e técnicos da área de Infraestruturas.
Segundo indicou o titular da área, “este informe permitirá avanzar na xestión das expropiacións dos terreos necesarios no treito entre a rolda Norte e Paulo Flavio Máximo”. O informe emitido por Enxeñaría é un paso necesario para que os expedientes de expropiación dos terreos necesarios para o desdobramento poidan continuar o seu curso.
“Buscamos así mellorar as condicións dunha rúa que a diario utilizan centos de vehículos e peóns”, indicou o concelleiro nacionalista, que engadiu “crearanse beirarrúas amplas en ambas marxes e carrís bici de dobre sentido, ademais, iluminarase a zona con lámpadas LED”.
O edil lembrou que existe un convenio asinado entre a Deputación e o Concello de Lugo para o financiamento desta intervención. O proceso fóra iniciado pola Alcaldesa e o Presidente da Deputación no ano 2016.