A área de Deportes busca artistas locais para embelecer cun mural a caseta municipal que se ubica fronte a Pista Vermella de Lugo. O goberno de Lara Méndez recolle así o guante da proposta feita, a través das redes sociais municipais, polo guía turístico Guido Álvarez que suxería enxornar a aparencia desta edificación situada nunha das prazas máis frecuentadas da capital.
O edil responsable, Miguel Fernández subliñou que “o obxectivo da iniciativa, ademais de mellorar o aspecto da construción, é o de promover unha acción de arte urbana, moi popular en Lugo, e dar participación aos artistas de rúa lucenses ao mesmo tempo que lle damos continuidade e materializamos as suxestións que a cidadanía nos traslada en beneficio do municipio e do interese xeral”.
Logo de artellar as bases polas que se rexerá a convocatoria, a concellería de Deportes convida a todas as persoas maiores de idade, a participar no concurso ao que poderán concorrer tanto de xeito individual como colectivo. Para participar terán que enviar o seu esbozo de mural á dirección deportes@concellodelugo.org ata as 23:59 horas do 12 de abril.
“No correo electrónico deberá figurar a súa proposta en arquivo .jpg a escala que incluirá o pintado de todos os laterais e portas do caseto, así como o lema do bosquexo, os datos identificativos do autor/a/es/as e a fotografía dalgunha obra ou graffiti realizado que demostre a capacidade de desenvolver o proxecto á realidade”, explicou o edil ao tempo que sinalou que o deseño, de técnica libre sempre que sexa duradeiro no tempo, deberá ser unha homenaxe á gran historia do deporte lucense e, especialmente, ao basket de rúa que se leva a cabo nesta pista.
A selección do traballo gañador realizarase mediante votación popular, de maneira que o día 15 de abril subiranse ao Facebook as propostas entre as que haberá que escoller.
“Durante os seguintes cinco días, cada GÚSTAME será contabilizado coma un VOTO facéndose o reconto ás 10:00 horas do día 20 de abril. A área de Deportes aportará ao autor/a seleccionado/a o material necesario para realizar o mural e 800 euros para a súa execución que se desenvolverá durante a V edición do Torneo 4×4 que se organiza, cada ano, nesta Pista Vermella”, sinalou Fernández.
O edil avanzou que non se admitirán deseños que constitúan unha apoloxía da violencia de xénero ou de calquera tipo ou contido político, racista, sexista, xenófobo e que sexan copia ou plaxio.