O Concello de Lugo buscará colaboración coas entidades financeiras para conveniar a instalación de caixeiros automáticos nos centros sociaismunicipais, cedéndolles o espazo para instalalos. O anuncio, feito hoxe pola alcaldesa obedece á vontade do Executivo local de incrementar as dotacións a disposición da veciñanza e, neste caso especialmente, do colectivo da terceira idade – que representa á cuarta parte da poboación lucense – para favorecer que poidan realizar operacións de tipo bancario en dependencias nas que ademais contarán, se así o precisan, coa axuda do persoal municipal para levalas a cabo.
A rexedora presentou a medida ao tecido asociativo dos e das pensionistas que a cualificaron de excelente, “en tanto mellorará a súa sensación de seguridade cando utilicen estes dispositivos por atoparse en inmobles vixiados de maneira que poderán acceder a eles con totais garantías”.
A alcaldesa avanzou que, así mesmo, “dende a área de Benestar se incorporará aos cursos de dixitalización para maiores que desenvolvemos actualmente, formación específica vinculada ao manexo das tecnoloxías en todo o que ten que ver, de xeito máis concreto, coas entidades bancarias”.
Trátase de obradoiros dirixidos á poboación maior de 65 anos nos que se imparte ensinanza informática para que os asistentes gañen competencias e adquiran destrezas na realización de trámites telemáticos dentro dos que se inclúen, por exemplo, a petición de citas previas, a participación en vídeo-conferencias, o coñecemento de webs informativas ou o manexo do e-mail e das redes sociais.
A alcaldesa lucense incidiu na importancia de seguir traballando para diminuír a fenda dixital interxeracional existente, “en tanto alimenta a desigualdade de oportunidades, impide un envellecemento activo e saudable e mesmo propicia o illamento do colectivo. Dun xeito significativo, alén, despois de sufrir unha pandemia que nos obrigou ao confinamento e durante a cal quedou manifesta a valía, a polivalencia pero tamén a nosa dependencia das novas tecnoloxías tanto a nivel laboral, como médico e mesmo persoal para manternos en contacto coas nosas familias e amizades”, apuntou.