A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarllos, anuncio está mañá durante o transcurso do pleno extraordinario solicitado polo Grupo Municipal Popular que os terreos necesarios para a construción da nova Comisaría de Policía Nacional en Abella xa están ao dispor do Ministerio de Interior.
Así, a alcaldesa informou de que na Xunta de Goberno Local celebrada está mañá antes da sesión plenaria aprobouse a cesión dos terreos acordados coa Dirección Xeral da Policía Nacional e coa Delegación do Goberno de España en Galicia nos múltiples encontros celebrados ao longo dos últimos meses que chegaron á súa culminación na reunión mantida con ambas as institucións o pasado 9 de outubro na casa do concello na que o responsable da área de Infraestruturas Policiais e a arquitecta da Sección Norte do Servizo de Arquitectura da Policía Nacional confirmaron a idoneidade dos terreos ofertados polo Concello, que contan coa edificabilidade necesaria para o proxecto que se quere levar a cabo.
Deste xeito, aprobouse a transmisión con cambio de titularidade de dúas parcelas, unha de 2.117 metros cadrados, sita no número 1 da rúa Orquídea, e outra de 483 metros de superficie situada no número dous da rúa Aquilino Iglesias Alvariño, situada fronte á anterior e destinada a prestar servizos complementarios da actividade que se desenvolverá na nova sede da Policía Nacional en Lugo. Ambos os terreos, valorados en 1.005.399 euros, pasarán así a titularidade da Administración Xeral do Estado para a súa afectación permanente ao Ministerio de Interior para ser destinadas á construción da nova comisaría.