O Concello de Lugo conmemorou esta maña o día Internacional da Infancia cun encontro de participación infantil que presidiu a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, no Salón de Plenos. O encontro organizado por UNICEF, contou coa colaboración do Concello. No foro participaron alumnos de 6º de Primaria de 5 colexios lucenses. os cales fixeron propostas a prol da infancia. Ao acto tamén asistiu a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, e a presidenta de Unicef Lugo, Mar Maseda.
A rexedora afirmou que “con este encontro celebramos que se cumpren 26 anos dende que se aprobou a Convención de Dereitos dos Nenos, o 20 de novembro de 1989, ao tempo que conmemoramos o Día Internacional da Infancia e axudamos a tomar conciencia da solidariedade”. este encontro participaron alumnos de 6º de Primaria dos colexios de Fingoi, Cervantes, Galén, Franciscanos e Rosalía de Castro, que presentaron diferentes propostas e preguntas ante os representantes do Goberno municipal. Os máis cativos propuxeron a instalación de buzóns nas rúas para enviar suxestións anónimas ao Concello ou a construción dunha Casa do Neno.
Previamente á celebración deste encontro, os nenos e nenas estudaron nos seus colexios os distintos dereitos recollidos na Convención de Dereitos. O colexio Fingoi foi o encargado de tratar o dereito á participación na vida social, no de Cervantes traballaron sobre o dereito dos nenos e nenas a ter unha identidade e no colexio Galén, sobre a protección contra o traballo infantil. Os alumnos do colexio Franciscanos estiveron traballando sobre o dereito á educación e a poder desenvolverse a través dos xogos e no de Rosalía sobre o dereito a ter acceso a unha sanidade gratuíta. “Unha sociedade que aposta pola sanidade e pola educación como motor de desenvolvemento é unha sociedade intelixente e con futuro”, asegurou a rexedora.
O Concello de Lugo, sensibilizado coa protección dos dereitos da infancia e da adolescencia, aprobou o I Plan Integral Municipal de Infancia e Adolescencia para os anos 2011- 2015. Neste plan recóllense todos os programas e actuacións que se están desenvolvendo dende as distintas áreas municipais e, dende este punto de partida, establécense distintos obxectivos e accións para desenvolver nas 8 áreas que ten o programa.