O Concello de Lugo celebrou esta mañá os 180 anos da Rúa da Raíña co descubrimento dunha placa conmemorativa no número 2 desta rúa e a publicación do libro ‘Lugo, maio de 1836: O nacemento dunha rúa’, de Julio Reboredo.
A encargada de presidir os actos institucionais con motivo do aniversario foi a concelleira de Cultura, Carmen Basadre, que destacou a da Raíña como “a primera rúa aberta na idade contemporánea, que foi o eixo principal ao redor do que se articulou o ensanche liberal da cidade”.
Durante o acto que tivo lugar esta mañá, Basadre puxo en valor as orixes da rúa, que mudou de nome ao longo do tempo e “que constitúe unha parte importante da nosa historia local e o noso Concello”, ao tempo que fixo fincapé no libro, que conta con rigor histórico e polo miúdo “as circunstancias dun feito decisivo para o futuro daquel Lugo dos nosos devanceiros que é agora o noso presente”. A Concelleira tamén se referiu á Rúa da Raíña como o epicentro do desenvolvementeo económico e social de Lugo.