O Concello de Lugo anunciou que hoxe comeza o prazo de entrega das axudas para libros de texto e material escolar convocadas anualmente pola Concellería de Educación, e destinadas ao estudantado de segundo ciclo de Educación Infantil. O edil titular da área explicou que “desde a nosa chegada ao goberno traballamos para acelerar os prazos deste procedemento, e este ano conseguimos entregar os cheques nos primeiros días de curso, tres meses antes que en cursos anteriores”.
A concellería de educación destina un total de 40.000 euros para facilitar a adquisición de material escolar, en vales de 100€ para un total de 400 persoas beneficiarias. O criterio único de baremación para a concesión da axuda é a renda per cápita anual da unidade familiar quedando este ano establecido o tope en 6.326,88€, o 0.8 do IPREM. En total, este ano recibíronse 565 solicitudes, concedéndose as axudas a 339 nenas e nenos. As axudas poderán recollerse nas oficinas da Concellería de Educación, no Centro Social Uxío Novoneira ata o vindeiro día 22
O titular de Educación criticou á Xunta de Galicia “que delegue nos concellos a tramitación e entrega destas axudas, cando é o goberno galego quen ten as responsabilidades no ensino”. Segundo Felipe Rivas, “a Xunta de Galiza ten que facerse cargo destas axudas, que supoñen un gran esforzo para os concellos, igual que se encarga no resto de etapas educativas”.