O Concello comeza a rozar os terreos municipais do Carme

Traballadores do Concello de Lugo comezaban esta mañá as tarefas de roza en 16 parcelas de titularidade municipal sitas na zona do Carme. En total será ao redor de media hectárea de terreo ao que hai que engadir os camiños públicos da contorna, como o Regueiro dos Hortos, a propia Rúa do Carme seguindo o traxecto do Camiño Primitivo, a Rúa Vicedo, etc.

Os labores, que consisten na eliminación e control da maleza, levaranse a cabo de forma periódica cada dous meses para garantir non só a conservación deste espazo senón tamén a súa salubridade.

“Estamos a falar dunha zona cun alto valor patrimonial debido á súa concorrencia co traxecto do Camiño Primitivo e pola proximidade que mantén coa Muralla e co Casco Histórico. Un ámbito que queremos protexer e coidar, que queremos aproveitar e sacarlle partido pero tamén poñer a disposición, nas mellores condicións posibles, non só da veciñanza senón tamén de todas aquelas persoas que nos visitan. Non podemos esquecer que se trata dun dos emprazamentos máis transitados e turísticos do municipio con gran potencialidade respecto ao vindeiro Xacobeo 2021”, sinalou a alcaldesa.

A rexedora supervisaba a primeira hora o inicio dos traballos que se constitúen como unha das unidades de actuación da Estratexia Dusi e que están cofinanciados con fondos FEDER.

Lara Méndez explicaba tamén que “nas proximidades da superficie que se vai acondicionar existen ademais ao redor de 115 predios de titularidade privada que suman un total de dez hectáreas. Aínda que boa parte destas parcelas se atopan ben coidadas debido a que se aproveitan para o cultivo de hortos hai outras que precisan dunha limpeza urxente. De maneira que, dende o servizo de Disciplina Urbanística se procederá, nos próximos días, a recordarlle aos seus titulares as obrigas de mantemento que teñen sobre elas”, subliñou a alcaldesa.

Esta actuación, que comparte escenario co proxecto pioneiro – dado a coñecer onte – de coliving artístico, súmase a outras xa desenvolvidas, dentro do mesmo programa Muramiñae, como foi o arranxo do firme na rúa do Vicedo, para que esta vía dera servizo como lugar de estacionamento, ou a propia descontaminación do Carme cando en xullo se subsanaron definitivamente as verteduras de augas residuais que afectaron á contorna durante máis de 30 anos.

Novas relacionadas

  1. Mari Dominguez
    Dec 11, 2019 - 09:32 PM

    Era para ayer. Moito lles gustan as fotos

    Reply
  2. Luis Rodriguez
    Dec 11, 2019 - 04:36 PM

    Pois a ver cando visitan o Amazonas que hai en Marqués de Hombreiro.

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com