O voceiro do Goberno do Concello de Lugo, Miguel Fernández, confía en que non haxa problemas de tráfico pola reducción de prazas de estacionamento durante o San Froilán, tal e como denunciaron nos últimos días algúns grupos da oposición. Fernández lembra que técnicos municipais elaboraron un plan especial de tráfico para solventar esta cuestión que recolle a habilitación de catro aparcamentos disuasorios e un reforzamento das liñas de autobús urbano.
Pola contra, dende o BNG lembran que coa montaxe das infraestruturas do San Froilán e o peche do espazo do hospital de San Xosé a cidade ten “un grave problema de carencia de aparcadoiros”. Neste sentido, o voceiro dos nacionalistas, Rubén Arroxo, apostou de novo pola creación de aparcadoiros disuasorios en terreos privados que están situados en lugares con gran demanda para o estacionamento de vehículos.
O voceiro do BNG lembrou que esta proposta xa foi presentada en numerosas ocasións pola formación que representa e aprobada por unanimidade no pleno do mes de febreiro e “a pesares disto o goberno municipal non fixo absolutamente nada”.
Para Rubén Arroxo “a alcaldesa debería estar chegando a acordos cos propietarios de terreos privados que non teñen uso para convertelos en aparcadoiros disuasorios” e sinalou que xa trasladaron unha proposta concreta para converter seis terreos, que suman un total de 13.000 metros cadrados en aparcadoiros.