Lara Méndez, anunciou hoxe o lanzamento da Estratexia Lugo Transforma, pioneira en Galicia no ámbito municipal, coa que mobilizará 12 millóns de euros a través da constitución dun fondo público emprendedor para a captación de novos investimentos para a cidade, atraer empresas e crear emprego sostible. A rexedora lucense explicou que é a maior contía destinada polo Concello en toda a súa historia para diversificar a economía do municipio, hoxe moi dependente do sector servizos.
A Estratexia Lugo Transforma articularase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital risco. Deberán ser proxectos de alto valor engadido, tanto de empresas pequenas ou medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación naqueles sectores que xeren, preferentemente, impacto social e ambiental. “Falamos de enerxías limpas e sostibles, de bioeconomía circular, biotecnoloxía, farmacia, novas tecnoloxías, servizos avanzados á industria e I+D+i, entre outros, quedando excluídos os sectores inmobiliario e financeiro”, comentou a rexedora”.
Lugo xoga, ademais, cunha importante vantaxe, segundo Lara Méndez, “que é a proxección que lle están a aportar, tanto en Galicia como fóra da comunidade, os proxectos que temos en marcha a través do LIFE Lugo+Biodinámico cos que estamos a deseñar as cidades de futuro, co apoio europeo e das Universidades, sendo un exemplo do cambio de paradigma construtivo a modelos sostibles. Non é un tema menor se temos en conta que as axudas de reconstrución marcadas por Europa van a priorizar os proxectos vinculados coa transición ecolóxica e a dixitalización, é dicir, na senda onde estamos a traballar na cidade desde hai anos”.
A alcaldesa de Lugo incidiu na importancia da transformación e diversificación económica, “porque o éxito deste proceso tamén redundará no mantemento do sector terciario e de servizos”. Aseverou que as consecuencias desta pandemia “nos obrigan a reflexionar sobre o noso futuro. Estamos a ver que Lugo non resistirá nin esta nin outra nova pandemia ou crise se o seu PIB e os postos de traballo seguen a depender de xeito tan importante do sector servizos, sen outras alternativas”.
Lembrou, neste senso, que o Goberno local acaba de aprobar 1,7 millóns de euros nun Plan de Acción para desenvolver no vindeiro ano actuacións dinamizadoras da hostalaría e o comercio, “sustento clave da nosa cidade e da economía de proximidade e, por tanto, os que dan vida aos nosos barrios e que se inclúen entre os sectores que máis están a sufrir as consecuencias da pandemia. Pero non é suficiente, por iso lanzamos esta nova Estratexia Lugo Transforma”.
O Concello aposta por este tipo de fondos de emprendemento, que son moi apoiados no ámbito da Unión Europea porque, por unha banda, permítelle ás empresas o acceso ao financiamento de iniciativas que terían dificultades para acudir a recursos de fontes financeiras tradicionais e, por outra, pola rendibilidade xerada e a súa contribución ao crecemento económico xa que as empresas participadas son as que en maior medida melloran a súa solvencia e capacidade para obter financiamento privado, presentan un maior rigor na súa xestión, invisten máis en I+D+I e crean máis emprego de calidade.
E dicir, é unha ferramenta útil para contribuír ao financiamento a longo prazo das pequenas e medianas empresas que lles permita consolidar o proxecto e localizar sinerxías nacionais e internacionais, xerando, ademais, unha razoable rendibilidade a longo prazo para o Concello, sen excluír a colaboración do resto de instrumentos de financiamento privados ou públicos existentes con incidencia na cidade.
A xestión deste fondo, que estará aberto á participación doutros investidores, tanto públicos como privados, sacarase a licitación para que se rixa de acordo coa estratexia de investimento exposto na proposta técnica que elabore o Concello, que o liderará en todo momento. “Cada decisión de investimento estará supeditada á súa inclusión nalgún dos sectores que se definan no contrato, sectores que xa citamos, e a súa aprobación final dependerá do comité de investimentos que se cree a tal efecto”, sostivo a rexedora.
Os 12 millóns de euros que se movilizarán para esta transformación deberán ser aprobados en Pleno a través dunha modificación de crédito xa que proceden dos remanentes municipais. O Goberno local espera levalo próximamente a un Pleno Extraordinario.