O Concello de Lugo contrata un novo servizo dedicado á reparación de avarías e mantemento das redes de abastecemento e saneamento de auga. Este contrato, cuxa tramitación aprobará hoxe en XGL e que conta cun orzamento base de licitación de 423.500 euros anuais, permitirá reforzar o mantemento de infraestruturas críticas e garantir unha resposta rápida e eficiente ante posibles incidencias, en beneficio de toda a cidadanía.
O servizo especializado estará operativo durante un ano con opción a prórroga por outro adicional. Esta nova contratación busca mellorar a atención ás avarías que se producen fóra do horario habitual da brigada de augas, reforzando o operativo activado nos últimos meses e asegurando un servizo de emerxencias dispoñible en todo momento. A distribución do orzamento contempla 302.500 euros anuais para a rede de abastecemento e 121.000 euros para a rede de saneamento, adaptándose ás necesidades específicas de cada área.