O Concello de Lugo vén de presentar unha nova acción enmarcada no obxectivo de inclusión social da Estratexia Edusi. Trátase do Plan de Capacitación Laboral e Obras dirixido a colectivos en risco de exclusión social que, baixo o nome Muramiñae Rehabilita consistirá na contratación de 27 persoas que, divididas en 3 brigadas, realizarán obras de acondicionamento e mellora da zona EDUSI.
Co Muramiñae Rehabilita o Concello pretende conseguir dous obxectivos. Por unha banda, a formación e capacitación de persoas en risco de exclusión social, creando 27 empregos durante 6 meses. E, por outra, a realización de obras de mellora e acondicionamento de espazos públicos, pois as brigadas dedicaranse a xardinería e arranxos medioambientais; albanelería e pavimentación; e reparación de mobiliario e infraestrutura urbana.
O Concello contratará a 3 persoas que se encargarán de dirixir cada brigada e 24 peóns. Así mesmo, facilitaráselles formación aos traballadores e traballadoras, apoio que recibirán tanto ao inicio como ao final para contribuír á súa inserción posterior no mundo laboral.
Co plan Muramiñae Rehabilita, continuamos desenvolvendo actuacións eficaces que faciliten a empregabilidade de calidade e en boas condicións no noso municipio. “A día de hoxe creo que ninguén dubida do noso compromiso e esforzo económico coas políticas de emprego deste Concello, aínda non tendo as competencias, que son da Xunta e o Goberno central”, subliñou Lara Méndez.
O orzamento desta iniciativa de capacitación laboral, financiado ao 80% por Fondos Europeos de Desarrollo Rexional, é de 654.000 euros. Os fondos europeos FEDER, coas axudas reportadas, axudan en Lugo a promover a inclusión social e á rexeneración social da nosa contorna urbana.
Ante esta nova, que foi presentada pola rexedora aos partidos da oposición; o voceiro popular, Antonio Ameijide, denunciaba esta mañá que Méndez emprega o Concello como un “cortixo particular” e tacha de “electoralista” a decisión de contratar a 27 traballadores. Para o popular é lamentable que despois de meses falando da estratexia Dusi a rexedora “se acorde de contratar a estas persoas para acondicionar os espazos nos que se prevé desenvolver os proxectos”.