O Concello convida a degustar a cidade a través de 5 rutas gastronómicas

Cinco son os produtos e temáticas elixidas polo Concello para promocionar a cidade a través do padal: o queixo, o polbo, o lacón, o grelo e os doces. Cada un deles é protagonista dunha gastrorruta que se pode facer nos bares e restaurantes da capital. En total son 31 os establecementos que participan nesta iniciativa nacida no transcurso do obradoiro de emprego Cultur@ Lucus financiado pola Xunta e no que participaron 23 desempregados lucenses.

Para facilitar a realización destas rutas pódese acceder á páxina http://gastrorutas.lugo.gal/ ou descargar unha app gratuíta para o móbil. Nestas ferramentas inclúense cinco gastromapas, un por cada produto, no que se destacan aqueles locais de hostalaría nos que se poden degustar así como os nomes dos pratos que se enmarcan baixo este programa, o prezo, unha breve descrición do establecemento e todos os datos de contacto e localización.

Uns recursos que presentou esta mañá a alcaldesa, Lara Méndez, acompañada da edil de Emprego, Ana Prieto, e a de Turismo, Carme Basadre, como unha forma de visibilizar que dende o grupo de goberno “traballamos de forma transversal” e non “con concellerías estancas” segundo a rexedora. Unha iniciativa na que se mesturou a creación de emprego a través do obradoiro coa promoción turística, de forma que unha das especialidades do programa formativo deu como resultado as rutas e o mapa gastronómico.

Xunto con esa actuación, o Cultur@ Lucus tamén deu outros froitos, como é o caso dunha guía sobre o Camiño Primitivo ao seu paso polo Concello de Lugo ou un inventario de recursos turísticos con ata 106 bens. “O turismo é o motor económico da nosa cidade”, destacou a mandataria, que aproveitou para dar datos asegurando que este sector representa o 9% do PIB da capital e “xera 1 de cada 11 empregos, o que demostra a importancia do turismo dentro da empregabilidade” de Lugo.

Méndez tamén destacou un incremento do turismo do 98% nos últimos 15 anos, dende a declaración da Muralla como monumento Patrimonio da Humanidade. “Temos que seguir traballando nesta liña”, lembrando que a día de hoxe xa son tres os elementos con esta distinción que outorga a Unesco como son, xunto ao monumento romano, o Camiño Primitivo e a catedral.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com