No día de hoxe arrancaron os traballos para a creación de dous aparcamentos alternativos, públicos e gratuítos, nas rúas Ramón Piñeiro e Francisco Lamas López, nos barrios de A Residencia e O Castiñeiro, cos que o executivo municipal creará 69 prazas de estacionamento na contorna da nova senda verde ciclista, que chegarán ata as 120, xa que se sumarán ás 51 que se habilitarán co repitando en batería dos espazos nas rúas Río Mandeo, Pomar, Amizade e Ronda do Carmen.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, coñeceu in situ as tarefas que se efectuarán e lembrou que “estas actuacións contan cun investimento de 171.000, que se suma aos 1,2 millóns que o executivo municipal destina ás obras do carril bici, de 14 quilómetros, que percorrerá o Paseo do Miño, Parque Rosalía, Ronda do Carme, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, A Residencia e Camiño Real, transformando a mobilidade nestes oito barrios da cidade, enmarcados na zona DUSI, co obxectivo de avanzar cara un modelo máis sostible e menos contaminante”.
“Hoxe, polo tanto, damos un paso máis na procura dunha cidade cómoda, moderna e adaptada ás persoas, na que estamos traballando no Goberno de Lara Méndez, ao tempo que continúan a avanzar a bo ritmo as obras do carril bici, pois xa se levou a cabo a reposición de máis de 3 quilómetros de firme nas zonas que se atopaban en peores condicións, para garantir a seguridade dos usuarios, e nos vindeiros días comezaran as labores de sinalización e repintado”, engadiu.
Os traballos, que comezaron hoxe, contan cun prazo de execución de dez semanas. As labores iniciais de extracción de terra vexetal levaranse a cabo de forma intercalada en ambas parcelas para, a continuación, comezar a obrar simultaneamente, con equipos traballando nos dous espazos ao mesmo tempo, co estendido de saburra, canalizacións de pluviais, canalizacións de iluminación, pavimentos e peches.
O novo párking da rúa Alcalde Francisco Lamas López, levarase a cabo nunha parcela de 529 m2, e contará con 16 prazas, das cales dúas serán adaptadas para persoas con mobilidade reducida; mentres que o aparcamento que se situará entre as rúas Ramón Piñeiro e Ramón Beberide, construirase nunha parcela de 1.859 m2, e disporá de 53 prazas, incluíndo 5 adaptadas. Ambas parcelas atópanse actualmente sen uso, e serán habilitadas para o estacionamento público e gratuíto.
Os traballos incluirán a pavimentación do chan, a instalación dun sistema de drenaxe que evite a formación de charcos, a renovación da iluminación, a instalación de sinalización horizontal e vertical, e a colocación dos valos perimetrais que delimitarán os recintos.
O aparcadoiro de Alcalde Francisco Lamas López contará cun acceso peonil e un acceso para vehículos nos extremos opostos da fronte da parcela. Ademais, a existencia de construcións ao nivel actual de terras nos lindes norte e leste desta parcela, obrigará á realización dun muro de contención. A altura do muro será de 3 metros sobre a cimentación cun espesor de 40 cm.
Así mesmo, o aparcadoiro de Ramón Piñeiro, terá tamén dúas ramplas de acceso, unha peonil adaptada de 2 metros de ancho, e unha rampla de acceso de vehículos de 8 metros de ancho.